Friday 26 de April de 2024

Manuel Fernández en homes, Isabel Gundín en mulleres e Derick Rey en Máster coróanse como campións galegos de surf en Pantín


– Manuel Fernández (Oleiros), Samuel Rodríguez (Viveiro), Isabel Gundín (Ferrol) e Lola Bermúdez (A Coruña) acadaron as wildcards que lles deron acceso á segunda rolda do Pantín Classic

– O vigués Pablo Cabezas acada o segundo posto en Visual 1 no campionato internacional de surf adaptado Abanca Pantín Classic 2022

Este pasado domingo vense de celebrar na praia de Pantín, ao abeiro do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2022 o Campionato Galego de Surf Open nas súas tres categorías: masculina, feminina e máster. Tanto a categoría masculina e feminina contaron con dúas wildcards, o que daba acceso aos vencedores á segunda rolda do evento principal do Pantín Classic.

A pesares de que as ondas non alcanzaron gran tamaño -motivo polo que se suspendeu o Campionato Galego de Longboard-, a climatoloxía foi favorable nun día soleado e con moita afluencia de público.

Os gañadores foron en categoría masculina open, o oleirense Manuel Fernández; en categoría feminina open, a ferrolá Isabel Gundín e na categoría máster, o vigués Derick Rey. Os surfistas que acadaron a wildcard para o Pantín Classic, ademais de Manuel e Isabel, foron o viveirense Samuel Rodríguez e a coruñesa, Lola Bermúdez, que remataron en segunda posición. Todos os surfistas galegos non conseguiron clasificarse para a seguinte rolda, o que fala do gran nivel da proba celebrada en Valdoviño.

Cómpre destacar o bo nivel amosado polos rapaces do Núcleo de Adestramento Especializado da Federación Galega de Surf, co primeiro posto de Manuel Fernández e o terceiro posto da viveirense Claudia Prieto. O campionato galego realizouse en colaborción co Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2022 que cede o espazo á Federación Galega de Surf para a realización do Campionato.

O pasado domingo tamén se celebrou o campionato internacional de surf adaptado Abanca Pantín Classic 2022, no que o galego Pablo Cabezas acadou un segundo posto na categoría Visual 1.